Camelo
O camelo[3] (Camelus) é un xénero de ungulados artiodáctilos (de número impar de dedos) que comprende tres especies actuais: o dromedario (Camelus dromedarius), dunha xiba, o camelo bactriano (Camelus bactrianus), de dúas xibas, e o camelo bactriano salvaxe (Camelus ferus).[4] Son nativos de áreas secas e desérticas da Asia e do norte de África. O nome camelo (
pronunciación (axuda · info)) ven do grego kamelos a partir do hebraico gamal 'camelo'.
Os humanos teñen domesticado camelos dende hai milleiros de anos. Tanto o dromedario como o camelo bactriano úsanse para obtención de leite, carne e como animais de carga - o dromedario no norte da África e Oriente Medio e o camelo bactriano na Asia central. Ademais a súa pel utilízase para facer coiro e la.
Mesmo existindo arredor de 13 millóns de dromedarios en 2010,[5] están extintos como animais salvaxes. Hai, porén, unha poboación salvaxe considerábel de ao redor do millón de exemplares que viven nos desertos da Australia central, descendentes de individuos que foron levados no século XIX e foron abandonados na primeira metade do século XX, ao aumentar o uso de vehículos de motor para transportar cargas.[6]
O camelo bactriano posúe preto de 1,4 millóns de individuos, a maioría domesticados. Os únicos camelos verdadeiramente salvaxes son os bactrianos salvaxes, en perigo de extinción: a avaliación da IUCN de 2025 estimou entre 780 e 1.380 individuos adultos.[4][7]
Son animais herbívoros. Poden beber máis de 100 litros de auga en cinco ou dez minutos e aguantar semanas sen beber e sen comer.[8]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]A palabra camelo chegou ao galego a través do latín camelus, tomada do grego kámēlos (κάμηλος), que á súa vez procede dunha lingua semítica, o hebraico ou o fenicio gamal, quizais relacionada co árabe jamala, 'soportar, cargar'.[9] En inglés antigo existiu ademais a palabra olfend, froito da confusión entre camelos e elefantes nun tempo no que ambos os animais se coñecían só por descricións de viaxeiros.[9]
Especies
[editar | editar a fonte]Existen tres especies de camelos actuais e varias fósiles:
- Camelus ferus, é o camelo bactriano salvaxe, o único que nunca foi domesticado.
- Camelus bactrianus, é o camelo bactriano doméstico.
- Camelus dromedarius, é o dromedario, que posúe unha única xiba.
- † Camelus gigas, é o camelo xigante
- † Camelus sivalensis
- † Camelus moreli, é o camelo sirio
Segundo estudos de ADN mitocondrial, Camelus ferus e Camelus bactrianus diverxeron dun antepasado común hai uns 700 000 anos, no Plistoceno.[10]
Ás especies viventes súmanse outras especies extinguidas coñecidas polo rexistro fósil. O Camelus knoblochi foi un camelo xigante que percorreu Asia durante o Plistoceno tardío, con restos datados de entre hai 44.900 e 29.400 anos, antes de se extinguir a finais dese período. A análise do seu xenoma revelou unha historia evolutiva complexa, con hibridación estendida entre as distintas especies do xénero e unha baixa diversidade xenética, posibelmente relacionada cun declive da poboación anterior ao último máximo glacial.[11]
Evolución
[editar | editar a fonte]
Os camélidos son orixinarios de América do Norte, onde a familia Camelidae apareceu no Eoceno medio, hai entre 46 e 42 millóns de anos.[12] O camélido máis antigo coñecido, Protylopus, era do tamaño dun coello e vivía nos bosques abertos do que hoxe é Dakota do Sur; no Mioceno a familia diversificouse e medrou en tamaño, con xéneros como Titanotylopus, que acadaba os 3,5 metros de altura.[13]
O antepasado dos camelos modernos, Paracamelus, pasou de América do Norte a Eurasia a través do istmo de Beringia hai entre 7,5 e 6,5 millóns de anos.[12] Os dromedarios e os bactrianos separáronse hai entre 4 e 5 millóns de anos, e os bactrianos salvaxe e doméstico, hai entre 1,5 millóns e 700.000 anos.[8] O último camelo de América do Norte, Camelops hesternus, cuxa área de distribución ía de Honduras ao Canadá, desapareceu hai uns 13.000 anos, na extinción da megafauna de finais do Plistoceno; os seus restos aparecen en sitios de caza de pobos paleoindios.[12][13]
Bioloxía
[editar | editar a fonte]
Son ruminantes sen cornos, sen fociño, cos orificios nasais formando aberturas oblicuas, o beizo superior dividido e movíbel por separado e extensíbel, sen pezuños con dous dedos diferenciados, o abdome elevado e as patas longas e delgadas. Almacena graxa na xiba, que adoita caer cara a un costado se se atopar sen reservas.
A súa esperanza de vida está arredor duns 40 ou 50 anos.[14] Un camelo adulto mide 1,85 m á altura dos ombreiros e 2,15 m na xiba, que sobresae uns 75 cm. Os camelos poden correr a 65 km/h en carreiras curtas e manter unha velocidade de 40 km/h.
Os camelos macho teñen un órgano chamado doula no seu pescozo que é un saco inchábel que protrúe da súa boca cando está en celo, para impor a dominancia e atraer as femias. Semella unha longa lingua rosada e inchada que sae por un lado da súa boca.
A familia dos camelos é orixinaria de América e migrou a Eurasia e África grazas ás glaciacións. Isto comprobouse mediante o amplo rexistro fósil dos camélidos en América.
Adaptacións ao deserto
[editar | editar a fonte]
Ao contrario do que di a crenza popular, a xiba non almacena auga senón graxa: cando o alimento abunda, o camelo acumula graxa na xiba e, ao esgotar esa reserva, a xiba decae e cae cara a un costado. Concentrar a graxa nun só lugar axuda ademais a disipar a calor no resto do corpo.[8]
O camelo soporta unha deshidratación de ata o 25 ou o 30 % do seu peso corporal, o dobre do que sería mortal para a maioría dos mamíferos. Na calor extrema aguanta de catro a sete días sen beber e, se non traballa e o forraxe contén humidade dabondo, ata dez meses, e mesmo tolera a auga salgada. Ao beber, o corpo rehidrátase en minutos, absorbendo máis de 100 litros en cinco ou dez minutos: os seus glóbulos vermellos teñen membranas viscosas que lles permiten incharse sen estoupar coa dilución súbita do sangue, algo que outro gando non soportaría. Na estación quente e seca pode beber ata 200 litros nun día.[8][15]
A temperatura corporal pode subir ata os 41 °C antes de comezar a suar, o que reduce a perda de auga, e a pelaxe fina e lauda aílla o corpo da calor. Cando ten sede reduce a produción de urina ata a quinta parte do volume normal e produce excrementos tan secos que os pastores os empregan como combustible. Aliméntase ademais de plantas espiñentas, follas secas e arbustos que outro gando evita.[8]
Non camiña sobre pezuños: en cada pata o peso recae sobre dous dedos grandes que se abren para non afundir na area. O dromedario ten unha almofada branda e ancha para camiñar sobre a area, mentres que o pé do bactriano é máis firme.[8]
Reprodución
[editar | editar a fonte]En liberdade, os camelos forman grupos estábeis de femias cun só macho adulto. Os machos compiten pola dominancia rodeándose coa cabeza baixa e mordéndose nas patas ou na cabeza para derribar ao rival, e o vencedor reprodúcese con todas as femias do grupo. Os camélidos son os únicos ungulados que copulan sentados.[8][15]
As femias reprodúcense dende os tres ou catro anos; os machos comezan a producir esperma aos tres, mais non compiten polas femias ata os seis u oito. Tras unha xestación de 13 ou 14 meses nace unha soa cría, de ata 37 kg, xeralmente na estación chuviosa. A cría mama de 12 a 18 meses e os adultos reprodúcense ata arredor dos 20 anos.[8]
Xenética e hibridación
[editar | editar a fonte]A análise dos xenomas mitocondriais das tres especies do xénero amosa signos de selección purificadora e evidencia unha diverxencia antiga e mantida entre o bactriano salvaxe e o doméstico, que viven en ambientes diferentes: o dromedario, en desertos quentes de baixa altitude, e os bactrianos, en desertos fríos de alta montaña.[16]
O cruzamento intencionado de bactriano e dromedario dá un híbrido dunha soa xiba, normalmente asimétrica e cunha fendedura de entre 4 e 12 cm. Os híbridos son máis grandes e fortes que calquera das especies parentais e poden cargar entre 400 e 500 kg, arredor do dobre que un dromedario.[17] A análise de xenomas antigos detectou ademais hibridación estendida entre as distintas especies de Camelus ao longo da súa evolución.[11]
Domesticación
[editar | editar a fonte]Non se sabe con certeza cando se domesticaron os camelos. O bactriano domesticouse hai entre 6.000 e 4.000 anos,[8] e as escavacións do val de Timna datan a chegada do camelo doméstico ao Levante mediterráneo como moi temperán no século X a. C.[18]
A sela de montar foi evolucionando co tempo: as primeiras foron probablemente unha manta ou unha disposición de esteras, e o contacto coas culturas de cabalgadores de Babilonia e Asiria deu orixe á sela árabe do norte. No dromedario o xinete pode sentarse diante, enriba ou detrás da xiba, mentres que no bactriano a sela colócase entre as dúas xibas.[19]
Ata tempos modernos o camelo foi a columna vertebral do comercio caravaniero e un pilar da economía en boa parte de Asia e África; en Asia central, grandes caravanas de camelos aseguraron a riqueza e o crecemento das cidades comerciais da Ruta da Seda.[8]
Usos
[editar | editar a fonte]Animal de carga e transporte
[editar | editar a fonte]Os dromedarios poden cargar ata 100 kg durante 60 km se traballan de noite, e os bactrianos, máis pesados e lentos, aínda máis.[8] Durante as grandes secas os pastores poden perder todo o gando bovino, ovino e caprino mentres sobrevive o 80 % dos camelos.[8] A súa leite, a súa carne, o seu pelo e o seu coiro fixeron do camelo un animal esencial para os pobos nómades: entre os beduínos da península Arábiga a riqueza dun home medíase polo número de camelos que posuía, mais tamén pola súa velocidade, resistencia e aguante.[8]
Téxteis
[editar | editar a fonte]O pelo de camelo ten dúas calidades: o pelo exterior, groso e de ata 37,5 cm de longo, e a pena interior, suave, que é a máis fina no pelo dos cachorros, duns 19 micrómetros. Da femia adulta obtense unha media de 3,5 kg de pelo interior, e do macho o dobre. A muda comeza polo pescozo e a crin e continúa polo resto do corpo.[20]
O pelo fino téxese ou mestúrase con la para abrigos e roupa deportiva, e o pelo longo úsase para facer feltro para as iurtas e para os abrigos de inverno dos pastores, moi cálidos e completamente impermeábeis, así como para a base das alfombras.[20]
Militares
[editar | editar a fonte]
Os camelos empregáronse na guerra durante séculos grazas á súa capacidade para cargar grandes pesos e pasar días sen auga. Na primeira guerra mundial o Corpo Imperial de Camelos, no que loitaron dúas compañías de Nova Zelandia, tivo un papel importante nas campañas do Sinaí e de Palestina; entre 400 e 450 neozelandeses serviron nel e 41 morreron.[21] No século XIX o exército dos Estados Unidos mantivo un corpo de camelos estacionado en California, con animais importados de Turquía que despois se empregaron como tiro nas minas e acabaron escapando ou sendo liberados.[15]
Alimentación
[editar | editar a fonte]
A leite de camella é un alimento básico das tribos nómades do deserto, máis rica en graxa e proteínas que a de vaca.[15] Algunhas razas leiteiras renden ata 35 kg de leite ao día, aínda que o rendemento habitual rolda os 4 kg.[8] Os nómades conservaban a leite fermentada en recipientes de pel ou de barro, e facían queixo empregando o estómago do coello do deserto como fonte de pepsina.[22] A leite faise iogur con facilidade, pero a manteiga require azedala primeiro, e o queixo foi tradicionalmente difícil de elaborar porque o calio non coagula ben as proteínas da leite de camella, pola súa baixa proporción de caseína kappa.[22][15] A FAO estimou que, mellorando a produción e a comercialización, o mercado mundial da leite de camella podería acadar os 10.000 millóns de dólares.[23]
Na cultura e a relixión
[editar | editar a fonte]O camelo está moi presente na tradición oral árabe e persa, como nos contos das Mil e unha noites, e na poesía beduína, a qasida, na que a camela, naqah, é a montura fiel por excelencia.[8] Rudyard Kipling dedicoulle un dos seus Just So Stories, «How the Camel Got His Hump» (1902), un conto sobre a orixe da xiba.[24]
Na tradición xudía, pola contra, o camelo non é un animal casher: o Levítico sinala que rumia mais que non ten o casco totalmente fendido, partido na parte superior mais unido por debaixo, polo que o declara impuro.[25]
Unhas esculturas de arte rupestre que representan camelos, descubertas en 2018 en Arabia Saudita e inicialmente datadas hai uns 2.000 anos pola súa semellanza cos relevos de Petra, foron redatadas en 2021 nunha antigüidade de entre 7.000 e 8.000 anos.[26]
A finais do século XX reviveu o deporte das carreiras de camelos, sobre todo nos países da península Arábiga, mais tamén en Australia e os Estados Unidos.[8] No Festival de Camelos Rei Abdulaziz de Arabia Saudita repártense premios millonarios; en 2018 descualificáronse doazde camelos do concurso de beleza ao descubrirse que os seus donos lles inxectaran botox nos beizos, o fociño e a mandíbula.[27]
Distribución e número
[editar | editar a fonte]
En 2010 existían aproximadamente catorce millóns de camelos, sendo o 90 % dromedarios.[5] Os dromedarios están entre os animais domésticos, a maioría no Corno de África, o Sahel, o Magreb, Oriente Medio e Asia meridional. A rexión do Corno ten a maior poboación de camelos do mundo,[28] pois os dromedarios constitúen unha importante parte da vida nómade. Proporcionan aos pobos nómades de Somalia e Etiopía leite, comida e transporte.[23][29][30][31]
O camelo bactriano estaba reducido en 2010 a un número estimado de 1,4 millóns de animais, a maioría domesticados.[5][32] Do camelo bactriano salvaxe só quedan poboacións restrinxidas a pequenas áreas desérticas do noroeste da China e o suroeste de Mongolia: a avaliación da IUCN de 2025 estimou entre 780 e 1.380 individuos adultos, clasificados en perigo de extinción e en declive.[4][7]
A maior poboación de camelos salvaxes está en Australia, descendentes dos que se introduciron como método de transporte no século XIX e comezos do XX: os primeiros chegaron ao país dende as Canarias en 1840.[33][34] O goberno do Territorio do Norte estima na actualidade máis dun millón de dromedarios salvaxes, presentes en máis do 37 % do territorio continental.[34] Esta poboación medra sobre un 8 % cada ano.[35] Os representantes do goberno australiano sacrificaron máis de cen mil destes animais en parte a causa de que os camelos empregan demasiados dos recursos limitados necesarios para as granxas de ovellas.[36]
Unha pequena poboación de camelos sobrevive no suroeste dos Estados Unidos tras seren importados no século XIX como parte dun experimento da U.S. Camel Corps. Cando o proxecto rematou, foron empregados como animais de tiro en minas, escaparon ou foron liberados. Vinte e cinco camelos foron levados ao Canadá durante a febre do ouro.[37]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Camelus gigas". ZipcodeZoo. BayScience Foundation, Inc. Arquivado dende o orixinal o 26-08-2014. Consultado o 7-12-2012.
- ↑ Falconer, Hugh (1868). Palæontological Memoirs and Notes of the Late Hugh Falconer: Fauna antiqua sivalensis. R. Hardwicke. p. 231.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para camelo.
- 1 2 3 International Union for Conservation of Nature, ed. (2025). "Camelus ferus: Mallon, D., Jemmett, A., Xue, Y., Whitemore, S. & Yadamsuren, A.: The IUCN Red List of Threatened Species 2025: e.T63543A50197851" (en inglés). doi:10.2305/IUCN.UK.2025-2.RLTS.T63543A50197851.en. Consultado o 1 de novembro de 2026.
- 1 2 3 Dolby, Karen (10 August 2010). You Must Remember This: Easy Tricks & Proven Tips to Never Forget Anything, Ever Again. Random House Digital, Inc. p. 170. ISBN 9780307716255.
- ↑ "Managing the impacts of feral camels in Australia: a new way of doing busines" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de marzo de 2012. Consultado o 29 de febreiro de 2012.
- 1 2 Walker, Matt (22 de xullo de 2009). "Wild camels 'genetically unique'". BBC Earth News (en inglés). Consultado o 1 de novembro de 2026.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 "Camel: Description, Humps, Food, Types, Adaptations, & Facts". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 1 de novembro de 2026.
- 1 2 Harper, Douglas. "camel (n.)". Online Etymology Dictionary (en inglés). Consultado o 1 de novembro de 2026.
- ↑ Franklin, W. L. (2011). "Family Camelidae (Camels)". Handbook of the Mammals of the World (en inglés). Vol II. Hoofed Mammals. Barcelona: Lynx edicions. pp. 243–244. ISBN 978-84-96553-77-4.
- 1 2 Yuan, Junxia; et al. (2024). "Camelus knoblochi genome reveals the complex evolutionary history of Old World camels". Current Biology (en inglés). doi:10.1016/j.cub.2024.04.050. Consultado o 1 de novembro de 2026.
- 1 2 3 Heintzman, Peter D.; et al. (2015). "Genomic Data from Extinct North American Camelops Revise Camel Evolutionary History". Molecular Biology and Evolution (en inglés) 32 (9): 2433–2440. doi:10.1093/molbev/msv128. Consultado o 1 de novembro de 2026.
- 1 2 Harington, C. R. (1997). "Ice Age Yukon and Alaskan Camels". Yukon Beringia Interpretive Centre (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de xaneiro de 2013. Consultado o 1 de novembro de 2026.
- ↑ University of Michigan Museum of Zoology (ed.). "Camelus dromedarius (dromedary)". Animal Diversity Web (en inglés). Consultado o 1 de novembro de 2026.
- 1 2 3 4 5 "Bactrian & Dromedary Camels". San Diego Zoo Global Library (en inglés). marzo de 2009. Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2012. Consultado o 1 de novembro de 2026.
- ↑ Mohandesan, Elmira; et al. (2017). "Mitogenome Sequencing in the Genus Camelus Reveals Evidence for Purifying Selection and Long-term Divergence between Wild and Domestic Bactrian Camels". Scientific Reports (en inglés) 7: 9970. doi:10.1038/s41598-017-08995-8. Consultado o 1 de novembro de 2026.
- ↑ Potts, Daniel (2005). "Bactrian Camels and Bactrian-Dromedary Hybrids". Silkroad (en inglés) 3 (1). Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2016. Consultado o 1 de novembro de 2026.
- ↑ Dias, Elizabeth (11 de febreiro de 2014). "The Mystery of the Bible's Phantom Camels". Time (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de febreiro de 2014. Consultado o 1 de novembro de 2026.
- ↑ "The Art of Saddling a Camel". AramcoWorld (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de decembro de 2018. Consultado o 1 de novembro de 2026.
- 1 2 Petrie, O. J. (1995). Food and Agriculture Organization of the United Nations, ed. Harvesting of textile animal fibres (en inglés). ISBN 978-92-5-103759-1. Consultado o 1 de novembro de 2026.
- ↑ Ministry for Culture and Heritage de Nova Zelandia (ed.). "Imperial Camel Corps". NZ History (en inglés). Consultado o 1 de novembro de 2026.
- 1 2 Ramet, J. P. (2001). Food and Agriculture Organization of the United Nations, ed. Camel milk and cheese making. FAO Animal Production and Health Paper 113 (en inglés). Consultado o 1 de novembro de 2026.
- 1 2 "Camel Milk". Milk & Dairy Products. FAO's Animal Production and Health Division. 25-9-2012. Arquivado dende o orixinal o 01-11-2012. Consultado o 6-12-2012.
- ↑ Kipling, Rudyard (1902). "How the Camel Got His Hump". En Project Gutenberg. Just So Stories (en inglés). Consultado o 1 de novembro de 2026.
- ↑ "Leviticus - Chapter 11 (Parshah Shemini)". Tanakh Online, Chabad.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 7 de febreiro de 2015. Consultado o 1 de novembro de 2026.
- ↑ "Saudi Arabia camel carvings dated to prehistoric era". BBC News (en inglés). 15 de setembro de 2021. Consultado o 1 de novembro de 2026.
- ↑ "Camels banned from Saudi beauty contest over Botox". BBC News (en inglés). 24 de xaneiro de 2018. Consultado o 1 de novembro de 2026.
- ↑ Bernstein, William J. (2009). A Splendid Exchange: How Trade Shaped the World. Grove Press. p. 56. ISBN 9780802144164.
- ↑ Abokor, Axmed Cali (1987). The Camel in Somali Oral Tradition. Nordic Africa Institute. pp. 7, 10–11. ISBN 9789171062697.
- ↑ "Drought threatening Somali nomads, UN humanitarian office says". UN News Centre. 14-11-2003. Consultado o 7-12-2012.
A four-year drought is threatening the lives of Somali nomads, and those of the camel herds on which they depend for transportation and milk
- ↑ Farah, K. O.; Nyariki, D. M.; Ngugi, R. K.; Noor, I. M.; Guliye, A. Y. (2004). "The Somali and the Camel: Ecology, Management and Economics". Anthropologist 6 (1): 45–55.
Somali pastoralists are a camel community...There is no other community in the world where the camel plays such a pivotal role in the local economy and culture as in the Somali community. According to the UN Food and Agriculture Organization (FAO, 1979) estimates, there are approximately 15 million dromedary camels in the world
Plain text version. Arquivado 02 de xaneiro de 2013 en Wayback Machine. - ↑ "Bactrian Camel" (PDF). Denver Zoo. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12-05-2013. Consultado o 7 December 2012.
- ↑ Saalfeld, W.K.; Edwards, GP (2008). "Ecology of feral camels in Australia". Managing the impacts of feral camels in Australia: a new way of doing business (PDF). Alice Springs: Desert Knowledge Cooperative Research Centre. ISBN 1-74158-094-3. ISSN 1832-6684. Arquivado dende o orixinal (DKCRC Report 47) o 29 de marzo de 2012. Consultado o 29 de febreiro de 2012.
- 1 2 Northern Territory Government (ed.). "Feral camel" (en inglés). Consultado o 1 de novembro de 2026.
- ↑ Pople, A. R.; McLeod, S. R. (2010). "Demography of feral camels in central Australia and its relevance to population control". The Rangeland Journal 32: 11. doi:10.1071/RJ09053.
- ↑ Tsai, Vivian (14 de setembro de 2012). "Australia Culls 100,000 Feral Camels To Limit Environmental Damage, Many More Will Be Killed". U.S. Edition. International Business Times. Arquivado dende o orixinal o 11-10-2012. Consultado o 1-11-2012.
- ↑ Mantz, John (20-4-2006). "Camels in the Cariboo". En Basque, Garnet. Frontier Days in British Columbia. Heritage House Publishing Co. pp. 51–54. ISBN 9781894384018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Camelo |