Saltar ao contido

Pegusa lascaris

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pegusa lascaris
 Nome taxon
    Pegusa lascaris
Imaxe
 Instancia de
Características
 Categoría taxonómica
 Conservación
Especie pouco preocupante
Clasificación taxonómica
SuperreinoHolozoa
ReinoAnimalia
FiloChordata
ClaseActinopteri
OrdePleuronectiformes
FamiliaSoleidae
XéneroPegusa
EspeciePegusa lascaris Editar o valor en Wikidata
Risso, 1810 Pegusa lascaris Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Freebase/m/0pc5rb0 Editar o valor en Wikidata
ITIS173051 Editar o valor en Wikidata
OTT710229 Editar o valor en Wikidata
UICN198553 Editar o valor en Wikidata
CoL75XN6 Editar o valor en Wikidata
Wikidata G:Commons C:Commons
P. lascaris mimetizada co fondo.

Pegusa lascaris (Risso, 1810) é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos e familia dos soleidos,[1] coñecida en galego como areeiro,[2][3] linguado areeiro,[3] e acedía.[4][5]

É unha especie moi semellante a P. nasuta, o linguado do mar Exeo, coa que adoito se confunde, e tamén ao linguado común (Solea solea), tanto en aparencia como en costumes,[4] que habita nas costas do Atlántico nororiental e suroriental, até o golfo de Guinea polo sur, e tamén nas do mar Mediterráneo.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1810 polo naturalista nizardo Giuseppe Antonio Risso, coñecido como Antoine Risso, co nome de Pleuronectes lascaris,[1] na súa obra Ichthyologie de Nice ou histoire naturelle des poissons du département des Alpes-Maritimes, publicada en París.[6]

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome orixinario que lle impuxo Risso, a especie coñécese tamén polos sinónimos:[1]

  • Solea aurantiaca Günther, 1862
  • Solea auriantiaca Günther, 1862 (incorrecto gramaticalmente)
  • Solea brasiliensis Kaup, 1858
  • Solea lascaris (Risso, 1810)
  • Solea scriba Valenciennes, 1837
  • Solea vermeuleni Metzelaar, 1919

Descrición

[editar | editar a fonte]
P. lascaris foto tomada en Lemnos, Grecia.
P. lascaris fotografada en Trieste, Italia.

Moi semellante a Pegusa nasuta, é un linguado de até 40 cm de lonxitude,[5][7][8] aínda que os espécimes capturados non adoitan superar os 30 cm.[9]

As súas principais características morfolóxicas son:[5][10]

  • O seu corpo é ovalado, co fociño saínte, prolongándose cara a abaixo en forma de gancho.
  • O corpo está cuberto de escamas moi pequenas provistas de curtas espínulas que fan que a pel do animal sexa algo áspera.
  • Os ollos son pequenos e arredondados, o superior en posición máis avanzada que o inferior.
  • A columna vertebral está conformada por de 40 a 48 vértebras.
  • A aleta dorsal está sustentada por de 69 a 87 raios, e a anal por de 53 a 73.
  • A aleta dorsal orixínase en pleno rostro, case á altura do bordo anterior do ollo superior.
  • As aletas dorsal e anal, na súa parte posterior, chegan até a base da aleta caudal.
  • Ambas as aletas pectorais son do mesmo tamaño, exhibindo a do lado pigmentado unha mancha negra, ovalada, na súa porción distal.
  • A rama supratemporal da liña lateral forma un arco.
  • A coloración do seu lado pigmentado é amarelada salferida de pequenos puntos negros. A do lado cego é branca.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

É un peixe que habita en augas subtropicais, mariñas e salobres, demersal e oceanódromo, a profundidades de entre os 5 e os 350 m,[7][8] preferentemente entre os 20 e os 50 m, sobre fondos areosos e lamacentos.[5] nas costas do Atlántico nororiental, desde Dinamarca polo norte, até o norte de Marrocos, polo sur, incluíndo as do mar Mediterráneo,[8] e o mar Negro. A súa presenza está documentada no mar de Azov e no canal de Suez, e a súa área de dispersión no Altántico quizais alcance o golfo de Guinea.[10]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Na parte occidental do canal da Mancha a desova prodúcese entre os meses de maio e xullo, e algo máis cedo cara ao sur.[8]

Lonxevidade

[editar | editar a fonte]

A idade máxima rexistrada para esta especie foi de 15 anos.[11]

Nutrición

[editar | editar a fonte]

A dieta de Pegusa lascaris inclúe unha ampla gama de pequenos invertebrados bentóncios: bivalvos, crustáceos (anfípodos, misidáceos, camaróns, decápodos), e vermes poliquetos.[7][8]

Pegusa nasuta é unha especie de certa importancia comercial, especialmente nas pescarías da parte sur da súa área de distribución.[8]

Captúrase nas áreas de pesca 27, 34, 37 e 41 (Atlántico nordeste, Atlántico centro-leste, Mediterráneo e mar Negro e Atlántico suroeste, respectivamente).[3]

  1. 1 2 3 Pegusa lascaris (Risso, 1810) no WoRMS,
  2. ↑ areeiro, 5ª acep. no dicionario da RAG,
  3. 1 2 3 Lahuerta e Vázquez (2000), p. 85.
  4. 1 2 Rodrígues Solórzano et al. (1983), pp. 189-190.
  5. 1 2 3 4 Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1992): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-654-8, pp. 314-315.
  6. ↑ Ichthyologie de Nice, ou, Histoire naturelle des poissons du département des Alpes Maritimes.
  7. 1 2 3 Quéro, J.-C., M. Desoutter & F. Lagardère (1986): "Soleidae", pp. 1308-1324 en P. J. P. Whitehead, M.-L. Bauchot, J.-C. Hureau, J. Nielsen & E. Tortonese, eds. Fishes of the North-eastern Atlantic and the Mediterranean. UNESCO, Paris. Vol. 3.
  8. 1 2 3 4 5 6 Muus, Bent J. et al (1998), p. 275.
  9. ↑ Quéro, J.-C. (1981): "Soleidae" en W. Fischer, G. Bianchi & W. B. Scott, eds. FAO species identification sheets for fishery purposes. Eastern Central Atlantic; fishing areas 34, 47 (in part). Department of Fisheries and Oceans Canada and FAO. Vol. 4.
  10. 1 2 Pegusa lascaris (Risso, 1810) en FishBase.
  11. ↑ Deniel, C. (1990): "Comparative study of growth of flatfishes on the west coast of Brittany". J. Fish Biol. 37 (1): 149-166.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Ben-Tuvia, A. (1990): "A taxonomic reappraisal of the Atlanto-Mediterranean soles Solea solea, S. senegalensis and S. lascaris". J. Fish Biol. 36 (6): 947-960.
  • Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1992): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-654-8.
  • van der Land, J.; Costello, M. J.; Zavodnik, D.; Santos, R. S.; Porteiro, F. M.; Bailly, N.; Eschmeyer, W. N. & Froese, R. (2001): "Pisces", en: Costello, M. J. et al., eds.: European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. Collection Patrimoines Naturels, 50: 357-374. París: Muséum national d'Histoire naturelle. ISBN 2-85653-538-0.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]