Coreses é un concello español da provincia de Zamora, en Castela e León. Atópase na comarca da Tierra del Pan, a pouco máis de 15 km de Zamora.
Limita ao norte con Molacillos, Algodre e Villalube, ao sur co río Douro, ao leste con Toro e Fresno de la Ribera, e ao oeste con Zamora e Monfarracinos. Ao sur do termo atópase a devesa de San Pelayo, antigo poboado independente.
Coreses foi fundado na Idade Media con mozárabes procedentes de Coria, dentro dos procesos repobladores emprendidos polos reis leoneses, feito do cal procede o seu nome, que deriva do xentilicio que se daba ás xentes de Coria na época medieval.
O 4 de novembro de 1301, Fernando IV concedeu os dereitos, servizos, tributos e arbitrios da localidade de Coreses a Juan Alfonso de Benavides en agradecemento polos servizos prestados.
Coa creación das actuais provincias en 1833, Coreses quedou integrado na de Zamora, dentro da Rexión de León, a cal, como todas as rexións españolas da época, carecía de competencias administrativas. Tras a constitución de 1978, en 1983 pasou a formar parte de Castela e León.