Saltar ao contido

Menorá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unha reconstrución da Menorá do Templo creada polo Instituto do Templo.

A menorá (/məˈnɔːrə/; hebreo: מְנוֹרָה) descríbese na Biblia como un candelabro hebreo de sete brazos feito de ouro, que estaba situado no Tabernáculo e no Templo de Xerusalén.[1] No Templo, expresa a Biblia, diante do Santo dos Santos había un candelabro de ouro puro, labrado con mazo que tiña sete brazos, en cada un dos cales ardía unha lámpada ou luminaria.

Descrición

[editar | editar a fonte]

A descrición da menorá podemos atopala no libro do Éxodo.

Labrarás un candelabro de ouro puro; o candelabro, o seu pé e o seu fuste serán de ouro macizo; os seus cálices, corolas e flores formarán un corpo con el. Seis brazos sairán dos seus lados, tres dun lado e tres doutro. O primeiro brazo terá tres cálices con forma de flor de amendoeira con corola e flor, tamén o segundo terá tres cálices con forma de flor de amendoeira con corola e flor; e así os seis brazos que saen do candelabro. O candelabro terá catro cálices con forma de flor de amendoeira con corola e flor: un cáliz baixo os dous primeiros brazos formando un só corpo; outro baixo os dous seguintes e outro debaixo dos dous últimos; así serán iguais os seis brazos que saen do candelabro. Os cálices e os brazos formarán un só corpo co candelabro e todo será de ouro puro macizo...
Éxodo 25:31-40 [2]
A menorá no arco de Tito en Roma.

A menorá orixinal fabricouse para o Tabernáculo e a Biblia recolle que estivo presente ata que os israelítas cruzaron o río Xordán. Cando o Tabernáculo se estableceu na cidade de Shiloh, asúmese que a menorá tamén estaba presente. Porén, non se fai mención algunha durante os anos nos que a Arca da Alianza se desprazou en tempos de Samuel e Saul. Non hai mencións da menorá no Templo de Salomón salvo no libro dos Reis [3] Está rexistrado en Xeremías 52:19 que a menorá foi levada a Babilonia polo exército invasor varios séculos despois.

Durante a restauración do Templo tralos 70 anos de cativerio en Babilonia, non se fai mención ningunha do regreso da menorá, só de "vasillas".

O destino da menorá utilizada no Segundo Templo quedou rexistrado por Flavio Xosefo, quen di que foi levada a Roma e transportada durante o triunfo de Vespasiano e Tito. A menorá foi depositada no Templo da Paz de Roma. O relevo no Arco de Tito en Roma mostra a escena dos soldados transportando varios obxectos durante o saqueo do Segundo Templo, en particular, o candelabro de sete brazos.

Probablemente a menorá foi roubada durante o Saqueo de Roma do ano 455, e levada polos Vándalos a súa capital, Cartago.[4] O exército bizantino, baixo o mando de Belisario puido levala a Constantinopla no ano 533. Segundo Procopio, foi transportada polas rúas de Constantinopla durante a procesión triunfal de Belisario.[5] Procopio engade que o obxecto foi enviado de volta a Xerusalén onde non hai rexistros, aínda que probablemente fose destruído durante o asedio dos persas no ano 614.[6]

Simbolismo

[editar | editar a fonte]

Xudaísmo

[editar | editar a fonte]

A menorá simboliza no xudaísmo o ideal da iluminación universal[7] Os sete brazos son unha alusión ás ramas do coñecemento humano, representado por seis lámpadas inclinadas cara ao interior, e simbolicamente guiadas pola luz de Deus representado pola lámpada central. A menorá tamén representa creación en sete días, co brazo central representando o shabat.[8]

Cristianismo

[editar | editar a fonte]
Reverso dunha moeda de 1590 en honra de Urbano VII cunha menorá e a lenda
SIC•LUCEAT•LUX•VESTRA
(Así alume a vosa luz - Mat. 5:16)

O libro da Revelación do Novo Testamento refírese a sete candelabros, representando as sete igrexas de Asia as cales foi enviada a revelación (Éfeso, Smyrna, Pergamo, Tiatira, Sardes, Filadelfia e Laodicea), cun "Fillo do Home" no medio deles.[9]

Segundo Clemente de Alexandría e Filón de Alexandría, as sete lámpadas da menorá dourada representaban os sete planetas clásicos nesta orde: a Lúa, Mercurio, Venus, o Sol, Marte, Xúpiter e Saturno.[10]

Estado de Israel

[editar | editar a fonte]
Emblema de Israel

Desde 1948 a menorá é un dos símbolos do Estado de Israel e aparece representada no seu emblema.

  1. ↑ J.D. Douglas y Merril C. Tenney, The New International Dictionary of the Bible, Grand Rapids, Michigan: Zondervan Publishing House, 1987, pp. 581-582.
  2. ↑ Éxodo 25:31-40
  3. ↑ Reis 7:49
  4. ↑ Edward Gibbon: The History of the Decline and Fall of the Roman Empire Arquivado 03 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine. (Volume 7: Chapter XLI. From the Online Library of Liberty. The J. B. Bury edition, in 12 volumes.)
  5. ↑ Procopius, Vandal Wars, Book IV. ix. 5.
  6. ↑ Procopius, Vandal Wars, Book IV. ix. 9.
  7. ↑ Chanan Morrison, Abraham Isaac Kook, Gold from the Land of Israel: A New Light on the Weekly Torah Portion - From the Writings of Rabbi Abraham Isaac HaKohen Kook, page 239 (Urim Publications, 2006). ISBN 965-7108-92-6
  8. ↑ Birnbaum, Philip (1975). A Book of Jewish Concepts. New York: Hebrew Publishing Company. pp. 366–367. ISBN 088482876X.
  9. ↑ Apocalipse. 1:12,20
  10. ↑ p.10, Morals and Dogma of the Ancient and Accepted Scottish Rite of Freemasonry by Albert Pike (L.H. Jenkins, 1871 [1948])

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]