Sintra é un concello e vila portuguesa sede do mesmo situado na provincia de Lisboa. Malia ser a capital, a vila de Sintra non é a freguesía máis poboada, pois o concello sintrense abrangue espazos intensamente urbanizados con espazos de carácter rural. O concello de Sintra conta cun total de 11 freguesías (20 antes da reforma administrativa do ano 2013). Sintra é un dos centros turísticos máis destacados de Portugal á vez que un espazo urbano suburbio da cidade de Lisboa, da cal dista 25km.
A poboación era, no ano 2013 de 380.934 habitantes[1]. Esta non se establece de xeito uniforme polo territorio sintrense, senón que dentro dos seus límites son diferenciados espazos puramente rurais (norte e oeste do concello) e espazos totalmente urbanizados (sur e leste). Catro das once freguesías (Casal de Cambra, Colares, UF Almargem do Bispo-Pêro Pinheiro-Montelavar e UF S. Joao das Lampas-Terrugem) suman en total menos do 15% da poboación pese a ocuparen o groso da extensión do municipio.
Na vila de Sintra, situada aos pés da serra do mesmo nome, atópase un importante recinto histórico que, xunto co palacio da Pena e o castelo dos Mouros, forman un Patrimonio da Humanidade da UNESCO.